skip to main | skip to sidebar

16 de abr. de 2012

Entrevista sobre o futuro do xornalismo

Hai unhas semanas, a xornalista Vanesa Oliveira fíxome unha entrevista para publicar no Dioivo para reflexionar sobre o futuro da profesión nun contexto cambiante. Como sabedes, encántame divagar, outra cousa é que sexa interesante o que digo ou non. Xulgades vós mesmos.

Cómpre rachar a filosofía do xornalismo coma fonte de cartos
Duarte Romero comezou na rede con Revolta Rockeira que pechou o ano pasado para abrir Que Ben Quedei. Tamén contribúe en Tempos Dixital, facendo parte do seu consello de redacción desde o seu relanzamento até principios deste ano. En Praza Pública é un dos autores da recén lanzada bitácora tecnolóxica De ceros a uns.

Por que decidiches ser xornalista?
Coido que a miña visión cambiou moito desde que decidín comezar a carreira até hoxe. Ao principio movíame por clixés. Gustábame escribir e tiña moito interese polo que acontecía ao meu redor. Parece que o camiño que mellor encaixaba coas miñas inquedanzas era o do xornalismo.

A día de hoxe teño unha visión máis ampla. Contar historias segue a ser o máis importante do xornalismo, pero as formas mudaron moito. Non podemos entender a comunicación dun xeito unidireccional. Cómpre recoller toda a información que día a día producen os cidadáns, escoitalos e contar as mellores historias do xeito que sexa máis efectivo. E aí entran as novas tecnoloxías e a posibilidade de facer cousas que hai 10 anos semellarían imposíbeis. Se cadra por todo ese camiño que aínda está por percorrer é polo que aínda quero ser xornalista.

Albert Camus contaba, nun artigo recuperado recentemente, que as claves do bo xornalismo eran "lucidez, desobediencia, ironía e obstinación". Cales son para ti?
Asumiría ao 100% estas claves. De feito, non creo que os valores clásicos do xornalismo perdesen vixencia coa aparición de internet, aínda que si que apareceron algúns novos. Como guía persoal, e facendo unha mestura entre o que había antes e o que chega agora, creo que o bo xornalismo ten que ser honesto, multimedia, incómodo, rigoroso e que estabeleza relacións bidireccionais cos lectores.

Os xornalistas perdemos a perspectiva cando traballamos para un medio de comunicación, no sentido de que non nos decatamos que a nosa responsabilidade é coa sociedade, non cos intereses económico-políticos dese medio?
Hei de recoñecer que non teño moita experiencia en redaccións así que tampouco vivín esa especie de metamorfose da que falas. Pero pregúntome se máis que unha identificación do xornalista coa liña do medio, non haberá máis ben unha submisión a eses intereses económico-políticos que sabes non che van permitir facer un periodismo máis responsábel coa sociedade.

Segue no Dioivo

0 comentários:

Postar um comentário