skip to main | skip to sidebar

23 de abr. de 2012

Como elixe a BBC a súa dirección?

A British Broadcasting Corporation probabelmente sexa a compañía de radiotelevisión pública máis famosa do mundo. Moitas veces ponse como exemplo de independencia informativa fronte aos gobernos, o que lle dá un grao de credibilidade que soborda as fronteiras do Reino Unido.

Fonte: BBC

Agora que no Estado Español se acaba de modificar o procedemento de elección do presidente de RTVE, paréceme interesante botarlle un ollo a como a BBC elixe a súa dirección. O principal órgano de goberno da corporación é o Trust, que actualmente está conformado por 12 persoas, incluíndo ao presidente e á vicepresidenta. Enumerar a totalidade das súas funcións sería tedioso e pouco útil, pero si que cómpre destacar unhas cantas:

  • Representar os intereses dos telespectadores e radioouvintes, que son os que financian a BBC a través dunha taxa
  • Asegurar a independencia da corporación
  • Administrar rigorosamente os cartos públicos
  • Fixar a dirección estratéxica da BBC e aprobar os seus orzamentos
  • Controlar a actividade do comité executivo, que é quen leva a dirección da cadea no día a día.
Pero como se elixen aos membros do Trust? 

Tecnicamente, e seguindo esa parafernalia resesa das monarquías, os membros do Trust da BBC son elixidos pola raíña. Afortunadamente isto é unha formalidade e o proceso é bastante máis aberto e democrático.

Na práctica, a responsabilidade recae no Departamento de Cultura, Medios e Deporte que ten que anunciar publicamente cando queda unha praza vacante no trust.

A BBC fixa uns criterios moi xerais que debe cumprir todo aspirante que queira entrar no seu Trust, ao que hai que sumar a obrigatoriedade de contar con representantes das catro nacións que conforman o Reino.

O proceso de selección ten en conta os méritos dos solicitantes e son avaliados por un tribunal presidido por un alto funcionario do Departamento de Cultura, Medios e Deporte e no que tamén participan un experto independente e o presidente do Trust.


En que se diferencia isto de RTVE?

Pois fundamentalmente na filosofía. Para manter a independencia da súa compañía de radiotelevisión pública, o Reino Unido apostou por profesionalizar o consello de administración e arredalo tanto do goberno como do parlamento.

Pola contra, no Estado Español enténdese que a pluralidade depende de que entidade política nomee os cargos. Considerouse un avance nesta materia que o Consello de Administración de RTVE fose elixido polo congreso, o senado e que se tivesen en conta as propostas dos sindicatos.

Por último, inflúe moito de onde recibe financiamento cada unha das compañías. A BBC está principalmente financiada polos seus espectadores, mentres que RTVE depende exclusivamente das achegas do goberno, sobre todo agora que non se renunciou á publicidade.

Non acredito en copiar e pegar modelos, pero neste tipo de debates, sempre é útil erguer a cabeza e mirar que se fai na nosa contorna para, polo menos, avaliar algunha idea que pode ser útil.

0 comentários:

Postar um comentário