skip to main | skip to sidebar

29 de nov. de 2011

Camarada, vaia cagada. Unha visión pouco compracente das eleccións xerais

1 comentários

Non empecemos a chuparnos as pirolas aínda” Sr. Lobo (Pulp Fiction)

Sendo sincero, non me sorprendeu nada o resultado das eleccións xerais. Como case todo o mundo, xa daba por feito a vitoria abafante do PP e a desfeita do PSOE. Tamén contaba coa entrada triunfal de Amaiur no congreso e coa importante suba de Izquierda Unida. O que xa non tiña tan claro era o resultado do BNG. Xa son máis de dez anos perdendo apoios elección tras elección, e cando o CIS alertou uns meses antes do 20N de que podía quedar sen representación, pois saltaron todas as luces de alarma.

Fonte: www.bng-galiza.org
Finalmente o nacionalismo mantivo os seus dous representantes malia baixaren 30.000 votos a respecto das xerais de 2008. A dirección do BNG, que como despois de cada proceso electoral parece que vive nun mundo totalmente diferente ao meu, cualifica os resultados como “bos”. Para xustificar semellante afirmación emprégase un xogo matemático a través do cal o Bloque mantén unha porcentaxe de voto semellante ás anteriores e frea a perda de apoios desde as eleccións autonómicas. 

É certo que os resultados non son catastróficos. Unha catástrofe para o nacionalismo tería sido perder os 2 deputados, pero se somos un chisquiño críticos veremos que de ningún xeito os podemos definir como bos. Facendo un pouco de memoria, lembraremos que non hai tanto tempo o obxectivo do BNG no congreso era acadar grupo propio. Agora supón unha alegría manter a representación. Que aconteceu polo medio? Por que pasou o nacionalismo de ser un movemento que aspiraba a ser hexemónico en Galiza a conformarse con manter unha presenza testemuñal? Estas preguntas debería de telas formulado a dirección do Bloque hai uns 10 anos para seren capaces de paliar a sangría de apoios que está a sufrir desde entón. Pola contra, preferiron facer encaixe cos números e buscar calquera xustificación no canto de recoñecer os erros propios e pórlles remedio. No 2005 o desastre das autonómicas quedou tapado pola entrada no goberno. Nas municipais de 2007 a sangría das cidades non parecía importante xa que se subira o número absoluto de concelleiros. En 2008, cando quedaba patente que o BNG non era capaz de recuperar nunhas xerais o voto perdido desde o 2000, clámase contra un bipartidismo que non debía existir antes desa data. O BNG ensinoume que cun pouquiño de imaxinación o maior dos desastres pode ser unha vitoria.

Os sítomas

Analizando un pouco de vagar o contexto no que se dan estas eleccións, hai 3 aspectos que me parecen fundamentais e que condicionaron os resultados que vimos o 20N.

  1. O deterioro da situación económica. A crise internacional agravouse no Estado Español polo estoupido da burbulla inmobiliaria. As elevadas cifras do paro e a incapacidade do goberno para ofrecer unha saída non fixo outra cousa que aumentar o malestar. 
  2. O descrédito do modelo de partidos. Os sistema democrático liberal senta os seus alicerces en organizacións políticas que están presentes nas diferentes cámaras de representantes e que xestionan os gobernos. No Estado Español, a corrupción e as redes clientelares das grandes forzas políticas foron minando pouco a pouco a credibilidade do sistema democrático. O nacemento do 15M e a súa consigna de “que non nos representan” son boa mostra diso.
  3. A agardada baixada do PSOE. Como partido que xestionou o goberno durante a crise, era de agardar unha baixada importante no número de votos e unha suba doutras opcións situadas á súa esquerda.

Fonte: www.lavanguardia.com
O BNG é unha forza política que debería ter todo ao seu favor para aproveitar este contexto. Por unha banda, defende un modelo económico diferente ao que entrou en crise e pola outra mantívose afastado dos problemas de corrupción que aqueixan a outras organizacións. Ademais, durante os anos 90 beneficiouse electoralmente das baixadas do PSOE. Pero desta volta, foi Izquierda Unida quen se presentou como unha forza alternativa aos grandes partidos. Ademais do seu crecemento en todo o estado, en Galiza subiu 40.000 votos. Desde a perspectiva do nacionalismo estes datos teñen que ser interpretados como alarmantes, por ser IU unha formación que compite por un electorado moi semellante ao do BNG e por carecer esta de implantación social no noso país facendo seguidismo de Madrid. 

A diagnose

Daquela, en que errou o nacionalismo? Por que esa incapacidade para ganar novos apoios ou reter os que tiña? Coido que hai que resaltar 4 aspectos.

  1. Falla a introdución no tecido social. Unha forza como o BNG ten que estar presente nas organizacións de base que hai en Galiza. E con isto non me refiro a CIG, A Mesa ou a AC O Galo. Temos no noso país unha multitude de colectivos e agrupacións que van desde os clubs deportivos, até asociacións veciñais ou culturais nas que o nacionalismo ten un campo enorme para crear referentes sociais.  
  2. Incapacidade para adaptarse ás novas formas de organización e de loita. O movemento 15M foi un duro toque de atención para todas as forzas políticas. Rexéitase o dirixismo, as siglas e apóstase por estruturas horizontais e en rede. Moitos sectores do BNG desprezaron e ningunearon este movemento, situando as formas tradicionais de loita como únicas válidas, chegando a fixar a súa convención electoral o mesmo día e á mesma hora que a xornada de mobilización mundial do 15 de outubro. 
  3. Falla a forma de transmitir o discurso. Sen entrar a valorar cuestións programáticas (coas que no esencial estou de acordo), creo que o BNG ten que facer un esforzo por empregar unha linguaxe máis atractiva e dixeríbel para explicar as súas propostas.
  4. Falla a imaxe. O BNG transmite a sensación de ser unha organización avellentada, pouco rompedora e moito menos transgresora. Isto esténdese á liña gráfica, á actitude dos dirixentes e mesmo ao contido de moitas mensaxes. Unha diferenza importante a respecto dos anos 90, nos que o nacionalismo subía coma a escuma, é que deixou de verse como un movemento diferente e alternativo, quedando homologado con outras forzas do sistema en moitas actitudes e formas.  
O futuro

Nos días posteriores ás eleccións, as diferentes familias do BNG volveron a sacar a relucir os coitelos que esconderan durante a campaña. Comezan uns meses complicados até a asemblea de xaneiro, nos que abundarán os enfrontamentos e a política de corredor. Mentres tanto, Rajoy formará goberno e se cadra Feijoo aproveita para convocar eleccións anticipadas. Gañar é máis doado se non tes oposición. 

27 de out. de 2011

Apple, The Guardian e o modelo de negocio en internet

0 comentários

Hai un par de semanas Apple lanzou o iOS 5, unha versión actualizada do sistema operativo que empregan iPad, iPhone e iPod Touch. Unha das novidades que inclúe chámase Newsstand (Quiosco) e, como o seu propio nome indica, serve para ler prensa e revistas. O funcionamento é sinxelo. A través da App Store descargas publicacións que logo quedan arquivadas como se fose un andel. Se queres acceder a un determinado número teríalo que baixar e, de ser o caso, pagar por el. 

O xornal inglés The Guardian aproveitou a aparición desta plataforma para lanzar a súa aplicación para iPad. Moitos usuarios de tabletas levabamos tempo a nos preguntar cando se ían decidir a presentar unha edición para esta plataforma. As respostas oficias do medio dicían que estaban a traballar nun produto que realmente cumprise as necesidades dos lectores e que non se limitase a ser un pdf que fixera ruído ao pasar as páxinas. Ou o que é o mesmo, a ter unha edición para iPad como a de La Voz de Galicia. A proposta que nos presentaron está pensada para unha lectura de vagar máis ou menos relaxada, intentando asemellarse á que podemos facer do papel. Unha ou dúas actualizacións globais por día, sen a inmediatez do web pero coa profundidade que podes atopar no periódico de toda a vida. Ademais, emprega un sistema de xerarquización e de navegación moi visual e que no que se inclúen elementos multimedia. Aínda presenta algúns defectos, como a limitación das ferramentas para compartir ou a ausencia de certas seccións moi consolidadas no web, como a de medios ou a de tecnoloxía.

Porén, estes defectos non impediron que na primeira semana se acadasen preto de 150.00 descargas. De momento, e grazas a un patrocinio de Channel 4, é de balde, pero a partir de xaneiro custará 9.99 libras ao mes. Son boas perspectivas económicas para The Guardian. Tal e como sinalan no web paidcontent.org, se extrapolamos os 17% de usuarios  de pago que ten a app para iPhone, o medio ingresaría uns 3 millóns de libras a través de subscricións ao iPad. E isto partindo da base dos usuarios da primeira semana, polo que é de agardar que se unan máis.



É que o Quiosco de Apple foi unha moi boa nova para os xornais e revistas. No mercado das tabletas hai moito potencial, e isto xa se amosou na súa primeira semana de funcionamento. As principais distribuidoras de publicacións para iPad rexistraron un incremento de descargas do 750%, o que tamén se reflectiu nun aumento significativo das vendas.

Non sei que vos parece a vós, pero semella que o modelo negocio en internet vaise orientando cada vez máis cara o pago por contidos. Temos o modelo freemium do New York Times, que xa conta cuns 324.000 suscriptores, de pago total como o The Times británico, que conta cuns 110.000 ou o de web de balde combinado con pagamento noutros dispositivos, como fai The Guardian. Na prensa española a tendencia é a de manter o acceso á páxina totalmente de balde pero ir introducindo quioscos virtuais multiplataforma que xa son de pago. Aquí temos Orbyt, de Unidad Editorial, que xa vai acadando un éxito modesto e Kiosko y Más, dunha multitude de periódicos e revistas.

Non hai receitas máxicas, pero semella que pouco a pouco se van consolidando certas propostas para facer sustentábel o xornalismo en internet. Credes que funcionarán?

25 de out. de 2011

Non é país para Europas

0 comentários

Membros de UKIP maniféstanse nas portas do parlamento
Fonte: guardian.co.uk

Inglaterra non se caracteriza polo seu amor á UE. Abonda dar unha volta por Londres para percatarse das poucas bandeiras azuis con estrelas douradas que hai por alí. Isto é reflexo dunha sociedade civil e política que nunca rematou de crer do todo iso da integración europea e que nos últimos trinta anos estivo sempre a voltas coa posibilidade de abandonar a Unión. De feito, cando chegan as eleccións europeas votan en masa ao United Kingdom Independence Party (UKIP). Esta é unha forza política que centra o seu discurso no euroescepticismo e que malia non ter ningún representante no parlamento de Westminster, é a segunda máis votada para Bruxelas. 

En marzo deste ano saíu á luz a campaña “People´s Pledge” (algo así como “Compromiso Popular”) que pretendía levar á Cámara dos Comúns unha iniciativa para convocar un referendo sobre a permanencia (ou non) do Reino Unido na Unión Europea. En poucos meses acadaron 100 mil sinaturas e o proxecto debateuse esta tarde no parlamento. O posicionamento oficial dos tres grandes partidos era votar en contra da consulta. Malia teren opinións diferentes sobre a cuestión comunitaria, en teoría concordan en que non é o momento para formular este debate. E digo en teoría porque tanto os Laboristas como sobre todo os conservadores tiveron que afrontar a rebelión de parte dos seus deputados (MP). No caso da formación de Ed Miliband tan só foron ao redor de 20 MPs os que votaron a prol do referendo, pero na de David Cameron a cifra elevouse máis de 80 dos seus 305 representantes. Por se fora pouco, ao longo da tarde dimitiu un asesor do Ministerio para Europa afirmando que “se o futuro do Reino Unido como estado independente non é motivo suficiente, non sei que o é”. Aínda que no Partido Conservador estas “broncas” non son novas, deixan nunha posición de debilidade ao Primeiro Ministro.

Pero como se vive esta polémica na rúa? Pois segundo unha enquisa que publicou hoxe The Guardian, un 70% da poboación está a prol de someter a referendo a permanencia na Unión Europea. O resultado da consulta saldaríase cun 49% a prol da saída e un 40% en contra. O Reino Unido está a vivir un momento político moi interesante no que a cuestións de soberanía se refire. A nivel interno cada vez hai máis posibilidades de fractura na medida en que Escocia camiña paseniño cara a independencia. A nivel exterior, a saída da Unión Europea non é unha proposta irreal nunha sociedade maioritariamente euroescéptica. Cómpre estarmos moi atentos ao que acontece nesta illa porque pode producir unha importante reconfiguración da política do vello continente. 

19 de out. de 2011

Twitter, Unirede e viños galegos

0 comentários
O sábado pasado asistín a Unirede, o I Foro Galego de Web 2.0. A impresión que me levei das xornadas foi moi irregular. Se ben houbo algún relatorio moi interesante, como o de Manuel Gago, outros estaban bastante fóra de lugar e non achegaban nada novo aos que temos curiosidade por este mundo.

Mais non quero facer un resumo do Foro. Tampouco creo que tivera moito interese. Escribo esta entrada para expor a miña opinión sobre un pequeno debate que (sen querelo) comecei en Twitter. Foi a raíz dun dos obradoiros temáticos que houbo no Unirede, o de turismo e gastronomía. Alí falou, entre outros, Emanuel Casals en represtanción do seu portal vinogallego.com. Cando estaba a explicar a súa estratexia en redes sociais, publiquei o seguinte chío.

Non agardaba resposta, pero ao día seguinte recibín a seguinte réplica desde a conta oficial do portal de viños.



Un chío máis meu e rapidamente o propio Casals publicou un artigo-resumo do Foro no que facía referencia ao debate que estabamos a ter e explicaba máis polo miúdo a súa estratexia en Twitter. Para os que non queirades facer click na ligazón e ler o seu texto, sintetizo os catro aspectos que máis me custou dixerir:
  1. A automatización do Twitter. Sincronizan a súa conta na rede de microbloggin co fluxo de actualizacións do sitio web para non ter que actualizar manualmente.
  2. Publican o contido tres veces ao día. Pola mañá, ao medio día e á noite, para garantir que todo o mundo lea o que publicaches no web. 
  3. Non utilizar hashtags
  4. Facer preguntas só cando se teña dúbidas
  5. Non seguir máis que a un 20 ou 30% dos teus seguidores. Aínda que fai fincapé en que só cómpre facerse seguidor de quen che interese, fixa estas cifras máximas.

De xeito moi sintético e humilde, síntome obrigado a discrepar con estas 5 afirmacións en base á miña propia experiencia persoal e ao que fun observando en diferentes proxectos de éxito.
  1. Automatizar a túa conta en Twitter pode ser moi cómodo, pero renuncias a moitas das posibilidades que ofrece a rede. As complicidades, bromas e interaccións que podes xerar cos teus seguidores fan que pague a pena inverter (que non gastar) un pouco de tempo en publicar os teus propios contidos.
  2. Publicar tres veces o mesmo contido (aínda que con distinto titular) paréceme contraproducente. Moitos usuarios de Twitter penalizan a publicidade e estas cousas non adoitan gustar. Pola contra, existen ferramentas que nos permitan achar a que hora temos máis seguidores conectados de xeito que poidamos optimizar moito máis o impacto dos nosos tuits. Ademais, é moito máis útil sermos capaces de conseguir un RT de calidade que publicar nós varias veces o mesmo contido. 
  3. Non entendo o argumento para non empregar hashtags. Estou de acordo en non abusar porque dificultan a lectura, pero son unha utilidade xenial para agrupar tuits que correspondan a un evento ou a un tema en común.
  4. As preguntas en Twitter non só son útiles para resolver dúbidas, senón tamén como vía para interactuar cos teus seguidores, crear comunidade e vinculación do usuario coa marca.
  5. Coido que a clave é seguir a quen sexa interesante e sexa capaz de achegar algo. Que máis dá que sexa o 10, o 30 ou o 70? O fundamental é o criterio de elección, non a porcentaxe.

O que realmente diferenza a Twitter doutras redes sociais é a posibilidade de participar nunha conversa constante. Semella que en vinogallego.com só a entenden como unha canle para facer publicidade dos contidos do seu web. Interactuar e xerar contidos interesantes para o usuario son dous dos aspectos que considero fundamentais para ter unha boa estratexia en microbloggin. Se observamos algún exemplo empresarial de éxito, como a conta @quecheparece de R, veremos que son capaces de conectar cos seus clientes grazas a un servizo de atención personalizado e eficaz. Ademais, non dubidan en ofrecer información que non está vencellada aos seus sites corporativos pero que se poden relacionar con algúns produtos que venden. Aí temos as novidades na programación televisiva ou en novos terminais móbiles. 

Exemplos e ideas hai moitos. Cada un ten que utilizar a estratexia que mellor lle permita acadar os seus obxectivos, pero non coido que para iso fai falla ter apertura de miras e estar disposto a innovar, participar e sobre todo arriscar. 

6 de out. de 2011

Que pensan na USC do galego

0 comentários
Santiago de Compostela conta cunha serie de lugares, personaxes e rituais que calquera persoa que viva ou frecuente a cidade debe coñecer. Zapatones, o tuno do Obradoiro, o París-Dakar ou o Carallo 29 fan parte do día a día de quen pasea polas rúas da capital. Son figuras e tradicións que non permanecen inalterábeis no tempo, se non que van mudando co paso dos anos. Algunhas desaparecen e outras novas chegan. Nestas últimas eu incluiría unha serie de personaxes que desde hai un par de décadas percorren a cidade asaltando aos viandantes. Falo naturalmente dos estudantes de Ciencias da Comunicación. Pola propia dinámica da carreira, faise obrigatorio ter que saír á rúa para facer reportaxes, entrevistas e crónicas que requiren da participación desinteresada de amábeis cidadáns. Se non abondaba xa coa carga de traballo das licenciaturas e dos graos, a estes suxeitos ás veces aínda lles dá por embarcarse en proxectos propios non académicos, dándolle aínda máis a paliza aos pobres viandantes.

Desta volta os culpábeis son os alumnos e alumnas que colaboran coa Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Comunicación. A raíz dunha proposta feita pola Liga Estudantil Galega, no pasado mes de abril gravaron un videomatón con declaracións de distintos membros da comunidade universitaria sobre o galego. Presentárono onte e estano a difundir polas redes sociais. Non é un traballo estatístico, pero serve para ter unha radiografía do que se pensa na USC sobre a lingua. En termos xerais, a maioría dos enquisados ten unha visión moi favorábel cara o noso idioma, independentemente do que falen habitualmente. Están a prol dun aumento das aulas en galego e tratan as cuestións lingüísticas con moita naturalidade, amosando que a conflitividade no uso é un debate inventado.


Recomendo que lle botedes unha visual ao vídeo e que logo digades o que vos parece. Haberá que darlle algo de vida aos comentarios do blog, ou non? 

Bye, bye, Steve.

0 comentários
Fonte: apple.com
Esta noite finou Steve Jobs.

Non quero facer un obituario. Estes días xa poderemos ler moitos e algúns realmente bos. Só quero publicar un pequeno recordatorio de quen revolucionou o mundo da tecnoloxía nos últimos anos. Produtos xeniais, ben acabados, de uso sinxelo, intuitivos e de fácil acceso. Este era o segredo do mago de Apple. Nos últimos tempos levamos moito pensando en como reconstruír unha profesión tan danada como o xornalismo. Se cadra nos teriamos que facer a seguinte pregunta: que faría Jobs?


5 de out. de 2011

Fálase no Reino. Semanas 4 e 5

0 comentários

 Velaí vai outra entrega do Fálase no Reino, a miña compilación de ligazóns en inglés. Desta volta xunto dúas semanas pero achego máis información de cada unha das novas. Xa me diredes que vos parece.

Mentres os laboristas sigan sen aceptar a realidade ficarán nun rueiro sen saída guardian.co.uk

Fonte: telegraph.co.uk
A semana pasada os laboristas tiveron o seu congreso anual. Máis adiante escribirei do que alí se falou, pero hoxe interésame compartir convosco un interesante artigo que saíu en The Guardian uns días antes do conclave. Nel, o columnista político Martin Kettle fai unha análise das principais enquisas para medir o estado no que se atopa o partido e as súas perspectivas de futuro. 

Os datos
  1. A día de hoxe os Laboristas serían a forza máis votada, a uns 5 puntos dos Conservadores
  2. O goberno da coalición e a súa política económica é extremadamente impopular. Tan só un 29% da opinión pública aproba a súa xestión.
  3. Un 38% dos enquisados culpa aos laboristas da situación económica fronte a un 25% que acusa aos tories. 
  4. Ed Miliband ten unha taxa de desaprobación un 16% máis alta que David Cameron
  5. Menos de un de cada dez votantes cre que Ed Miliband é un político forte, bo diante dunha crise e un líder natural e carismático.
  6. Só o 22% dos votantes cre que Ed Miliband sería o mellor Primeiro Ministro para o Reino Unido


As conclusións
  1. Os laboristas non teñen ningún motivo para ser compracentes
  2. Os laboristas teñen máis posibilidades de perder as eleccións de 2015 que de gañalas
  3. Ed Miliband non despega como líder.
  4. Non se amosan como alternativa real no eido económico.


O Ministerio de Defensa indemnizará ás vítimas dos Bloody Sunday guardian.co.uk


Un ano despois de que o goberno británico pedise disculpas polo asasinato de trece persoas nunha manifestación pacífica, o Ministerio de Defensa ofreceu unha reparación económica aos familiares das vítimas. Até o momento xa se foran facendo algún pequenos pagamentos pero sempre sen recoñecer a culpabilidade do exército británico. Algúns familiares rexeitaron aceptar esta compensación e continúan a solicitar que os culpábeis da matanza sexan procesados.


O broker disidente. Até que punto tiña razón? bbc.co.uk

Fonte: BBC
A semana pasada estivo moi de moda un broker inglés chamado Alessio Rastani. Lembrades? Até lle dediquei un post e todo! Este trader (empregando a linguaxe coa que el se define) conmocionou a media Europa por unhas afirmacións a respecto da situación económica bastante duras. Para ver se o que dicía era certo ou non, a BBC contactou con dous coñecidos analistas económicos para que desen a súa opinión sobre a veracidade das afirmacións de Rastani. De xeito sintético, estas son as 6 conclusións ás que chegaron:

  1. Rastani dixo “soño cunha recesión”: o único sorprendente de que o broker faga esta afirmación é que racha cunha norma non escrita da City de non falar en termos tan claros pero que esa ambición sen escrúpulos é a tónica xeral.
  2. Rastani dixo “os grandes fondos non acreditan no rescate do euro”: cómpre agardar a ver como actúan os gobernos para comprobar se os mercados acreditan ou non.
  3. Rastani dixo “o Euro vai colapsar: se na City realmente cresen iso, a día de hoxe o valor da moeda xa estaría nun valor moito máis baixo.
  4. Rastani dixo “calquera pode facer cartos dunha recesión”: para iso precísase contar cun certo capital inicial para inverter.
  5. Rastani dixo “os aforros de millóns de persoas van desaparecer”: aínda no peor dos casos, o goberno británico pode garantir unha cobertura de até 85.000 libras e a media de aforros nunha conta individual é de 8.000.
  6. Rastani dixo “os gobernos non controlan o mundo, quen o fai é Goldman Sachs”: aínda que moitas veces os poderes públicos se amosan ineficaces fronte ao poder dos mercados, unha soa entidade non ten tanto poder. Tamén teñen unha grande capacidade de influencia estruturas estatais como a Reserva Federal dos EUA ou o propio goberno de China.

A quen credes?


Fonte: UK Uncut
O colectivo anti-recortes UK Uncut convoca unha importante mobilización para o vindeiro día 9 coa que pretenden cortar a ponte de Westminster (ao carón das Casas do Parlamento) en protesta pola reforma do sistema sanitario que o goberno quere aprobar. Esta organización realiza os seus chamamentos a través da rede e xa acadou importantes éxitos no pasado denunciando a evasión de impostos, malia todo esta será a súa acción máis grande. Polo de agora xa contan con importantes apoios, como o de Unite the Union, o sindicato con maior número de afiliados do Reino Unido. 

27 de set. de 2011

De que vos sorprendedes?

3 comentários

Hoxe a rede andaba tola cunha entrevista que lle facían na BBC a un broker da City de Londres chamado Alessio Rastani. Respondeu cunha crudeza e unha sinceridade tales que os propios presentadores non daban crédito ao que estaba dicindo. De feito, a canle pública británica tivo que investigar si se trataba dun bromista ou dun axente de bolsa real. 


Nos catro minutos escasos que dura o video veunos a dicir que pouco importan os plans de rescate dos gobernos, que quen manda é Goldman Sach e que os inversores dan por perdido o euro. Eles vanse dedicar a sacar o maior beneficio posíbel e anuncia que en 12 meses millóns de persoas van perder os seus aforros. Indignante? Si, pero non achega nada novo. Non hai nada do que sorprenderse. Choca un pouco ver a un especulador falando nunha linguaxe tan clara, pero máis alá disto vai na liña do que vemos todos os días nos xornais. Os poderes públicos gastan tempo e cartos en intentar compracer a xente coma el, sen importar os custes sociais que isto implique. Pola contra, óbvianse todas as alternativas que vaian encamiñadas a intervir o capital financeiro, a nacionalizar a banca e dotar aos estados do suficiente poder para controlar a súa propia economía. Hai que virar as tornas do debate. Pensar nas alternativas que permitan que a saída da crise non vai en contra o cidadán de a pé. Aínda que isto cabree (e moito) a xente como Alessio Rastani. 

23 de set. de 2011

RTVE e a censura previa

0 comentários

Coma sempre que sae unha noticia polémica, Twitter arde. E por que foi esta vez? Pois porque ao Consello de Administración de RTVE lle pareceu unha boa idea que os seus membros puidesen acceder ao sistema informático co que os xornalistas preparan os telexornais. Isto que significa? Pois que os representantes políticos e sindicais -que son os que conforman o Consello- terían a posibilidade de saber de antemán a xerarquización de novas na escaleta, o minutado, as fontes, os videos...En definitiva todos eses aspectos que un xornalista manexa para elaborar información televisiva. Non fai falla que vos diga o problemático que pode ser que os representantes políticos coñezan a tempo real o traballo que se está a facer na redacción. Non por casualidade moita xente cualificou a proposta de “censura previa”.

A medida presentouna unha conselleira proposta polo Partido Popular e contou co apoio de CiU. No outro lado da barreira só se situaron os conselleiros de IU e de UGT, xa que PSOE, CCOO e ERC optaron pola abstención. Rapidamente a nova saltou ás redes sociais, onde moitos xornalistas de distinta cor amosaron a súa indignación. E ao pouco os partidos recuaron. Rubalcaba, González-Pons, Javier Arenas, Joan Tardá, Leire Pajín...ían saíndo paseniño para dicir que as súas formacións non estaban de acordo coa decisión dos conselleiros que eles propuxeran. Diante da reacción profesional e popular decidiuse rectificar e anular a medida nunha reunión de urxencia do Consello de Administración.

Desta volta non colou, pero estívolle cerca. Se non houbese esa presión por parte dos traballadores de RTVE e doutros profesionais do entorno é probábel que o control político dos informativos saíse adiante. É certo que a televisión pública estatal mellorou moito nos últimos anos, sobre todo se lembramos a nefasta época dos gobernos de Aznar, pero cando acontecen cousas como esta comprobamos o doado que é desandar o camiño percorrido. Por iso mesmo é necesario blindar os pasos dados e reducir o control político dos medios públicos. Crear organismos de dirección conformados por profesionais dun xeito plural, participativo e democrático.

20 de set. de 2011

El Twitter, Mariano!

1 comentários

Na entrada do outro día sobre as diferentes clases de políticos no Twitter xa anunciaba que lle ía dedicar un artigo en exclusiva á conta de Mariano Rajoy. A verdade, sorprendeume moitísimo que un político coma el decidise crear un perfil nesta rede. Se dalgún xeito podemos definir Twitter é como un fluxo de conversa moi dinámico no que a interacción entre usuarios é clave. Non sei a vós, pero a min chámame a atención que Rajoy queira aparecer nun sitio coma este no que -en teoría- debería estar obrigado a conversar e interactuar coa xente. 

Sempre se lle criticou ao líder do PP que aló por onde pasaba facíao sen pena nin gloria, evitando a toma de decisións importantes. Agora a cousa non mudou demasiado. Segundo as enquisas é moi probábel que se converta en presidente do goberno sen ter feito nin unha soa proposta concreta mais alá de ideas xerais e tópicos manidos. Cando o profesor Antón Losada lanzou en Twitter a campaña #sinpreguntasnohaycobertura, Mariano Rajoy foi un dos principais obxectivos a bater. O político pontevedrés non respondía nin a tiros as cuestións dos xornalistas. Así puido evitar falar de temas difíciles como o Gürtel e a súa opinión sobre se Camps debía seguir ou non á fronte do PP valenciano.

Con estes antecedentes, cando lin a nova de que Rajoy ía ter Twitter escapóuseme un sorriso de incredulidade. Como ía facer para xestionar unha rede que require tanto movemento e relación coa comunidade? Rubalcaba, sen ser o meu político favorito, xestiona a súa conta en Twitter dunha forma moito máis interesante. Con propostas e mantendo bastante contacto cos outros usuarios. Pero Rajoy? Pois comezou dándome unha sopresa. Eu agardaba que fose unha destas contas con tropocentos mil seguidores pero que non segue a ninguén. Unha actitude propia da xente que entende a rede de microblogging como unha canle de comunicación unidireccional na que a conversa non é para nada importante. Pois non foi así, e xa desde o primeiro día comezou a seguir a algúns usuarios que, por un motivo ou por outro, ao seu equipo lles pareceron interesantes. Minipunto para Rajoy, pero xa non vai haber máis. Para contrarrestar as críticas que lle fan por non explicar nada do seu programa político, vai e di no seu primeiro tweet que está no AVE de camiño a Barcelona. Caralludo, aquí Mariano non defrauda e comeza o despiporre de chíos insulsos. Que si se atopou con Santiago Segura no avión, que si está en Andalucía probando aceite, que si a selección de baloncesto xogou ben...Nada concreto, nada práctico. 


A interacción cos usuarios vai nesa liña. Durante os primeiros días dedicouse a ir explicando case un por un que cando detrás dun tweet van as iniciais MR é el persoalmente quen o sobe e que cando non é o seu equipo. Algo que non é ningunha novidade e que xa puidemos ver en contas de políticos como Obama ou Rubalcaba. O resto do tempo son agradecementos por algún comentario no que o louvan ou unha chea de frases moi bonitas pero que están totalmente baleiras de contido. 


En definitiva, outra conta máis dun político que está en Twitter porque lle dixeron que tiña que estar, pero que non entende realmente de que vai o asunto. A presenza de dirixentes e organizacións nos medios sociais non ten que ser cousa dun proceso electoral nin tampouco para manter un papel ritual. Hai que entender as redes e crer nelas. Ser activo, interactuar e sobre todo escoitar. Pero se, coma Rajoy, non es capaz de facer isto nin na túa práctica diaria, por favor, non te fagas un Twitter. 

19 de set. de 2011

Fálase no Reino. Semana 3

0 comentários
Esta semana foi un chisco máis caótica do habitual así que non puiden seguir moito a actualidade do Reino. Por este motivo só traio dúas ligazóns cunha nota máis breve que noutras ocasións.

Conferencia do Partido Liberal-Demócrata guardian.co.uk

Estes días está a ter lugar a conferencia nacional dos liberal-demócratas, socio de goberno do Partido Conservador no Reino Unido. Este encontro ten lugar nun contexto moi adverso para eles, xa que hai tan só uns meses recibiron unha importante derrota nas eleccións municipais así como no referendo da lei electoral.

A policía metropolitana pídelle a The Guardian as fontes que usou no escándalo dos hackeos guardian.co.uk


Acóllense a unha norma empregada habitualmente para casos de espionaxe. Desde a dirección do medio din que van oporse á aplicación desta medida xa que o segredo profesional dos xornalistas está protexido por lei.


17 de set. de 2011

5 clases de políticos en Twitter

0 comentários

As redes sociais están a cambiar o xeito de comunicarnos e de transmitir información. Son plataformas áxiles, horizontais e cun enorme poder. E claro, os políticos queren estar aí. Sobre todo cando hai eleccións. Pero non é doado entrar nestes espazos xa que a falta de sinceridade e a propaganda son cuestións bastante penalizadas polos internautas. A clave está en conversar e ser activos. E nese sentido Twitter é a que máis esixe. Por ese motivo fixen unha pequena clasificación dos tipos de perfís que teñen os políticos españois nesta rede de microblogging.

1. O electoralista: aquel que aparece na precampaña xunto co seu equipo de comunicación, mantén unha actividade importante durante uns meses e logo non se volve saber nada del. Moitas veces xa deixan entrever o seu pouco compromiso de continuidade ao pór o ano das eleccións no nome da conta. O exemplo recente máis sonado é o de Tomás Gómez, que abandonou o seu perfil de Twitter en canto perdeu as autonómicas. Dáme a min no nariz que os principais candidatos á presidencia no 20-N van entrar nesta categoría moi pronto.

2. O amateur: é aquel político que mantén el mesmo os seus perfís nas redes sociais, pero que tampouco lle dá moita importancia. Non adoitan ter ningún tipo de asesoramento (porque se o teñen terían que repensar o seu papel). Contan con poucos seguidores e actualizan aínda menos. En xeral, este tipo de contas son bastante inútiles. Un bo exemplo de político cunha conta amateur sería Guillerme Vázquez

3. O que pasa: abre conta, escribe un par de chíos e déixao. Destes hai a fartar a nivel local, pero o mellor exemplo é o de Leire Pajín, que fixo unha conta en Twitter, non publicou nada e sorprendentemente ten máis de 5000 seguidores. Será que os internautas valoran máis os seus silencios que as súas intervencións. 

4. O crack: se es unha persoa da rúa e queres chegar a líder de opinión nas redes sociais tes que facer un traballo do copón para darte a coñecer e achegar calidade nos contidos que creas. Pola contra, see es un político que sae unha morea de veces nos medios tradicionais telo moito máis doado. Con actualizar con frecuencia a túa conta e manter un pouco de conversa coa comunidade xa ganas moitos seguidores e convérteste nun crack. Aínda que sexa por comparación cos demais. Nesta categoría habería que meter a Javier Solana, Esperanza Aguirre, Gaspar Llamazares ou Cristina Cifuentes, que teñen contas en Twitter razoabelmente boas. 

5. O Alcalde de Jun: categoría unipersoal e que só pode ocupar o rexedor desta pequena localidade de Granada. Deuse a coñecer internacionalmente por querer converter a súa vila na mellor conectada e máis activa na rede de todo o estado. Habería que investigar se o conseguiu ou non, pero o que é comprobábel é que este home está todo o día enganchado ás redes sociais. Se no lugar onde goberna viven 3355 persoas, el ten 29291 seguidores, é dicir, case 9 veces a poboación de Jun. Incríbel.


PD: Se cadra sorpréndevos que non comente nada do recentemente lanzado Twitter de Rajoy, pero e que ten moita tela e merécese unha entrada para el só ;)

16 de set. de 2011

Breve ausencia

0 comentários
Perdoade por non ter actualizado estes días pero estiven en Compostela asistindo ás xornadas de marketing político Politica2cero, que por certo, estiveron moi interesantes. Se queredes saber máis do que alí se falou podedes botarlle un ollo ao hashtag oficial en twitter #politica2cero.

A partir de hoxe retomo o ritmo habitual de entradas!

13 de set. de 2011

Jenifer, a choni de Castefa

3 comentários
Internet -ou máis ben a súa comunidade- pode ter bastante mala hostia á hora de xerar ídolos. Creou a Justin Bieber, case leva a John Cobra a Eurovisión e tróuxonos a peor canción da historia da man Rebecca Black. Mais de cando en cando regálanos algún tema que realmente paga a pena. É o caso de “Jenifer”, do grupo catalán Els Catarres. Descubrín o videoclip en Youtube hai cousa dun mes e xa me chamou moito a atención naquel momento. Conta a historia dun patriota catalán, votante de Convergencia, seareiro do Barça e admirador de Lluis Llach que namora dunha choni de Castefa (Castelldefels). A divertidísima letra está acompañada por un indie-pop facilón pero pegadizo  e xa anda preto das 800.000 reproducións.



Pero por que escribo disto agora se xa a coñecía desde hai un mes? Pois porque hoxe vin unha nova en La Vanguardia que daba conta do enorme éxito que esta canción estaba a ter en Catalunya. Non só arrasa entre os internautas, que ven reflectidos a xeito de humor os tópicos do catalanismo, senón que tamén acada a esfera política. O outro día Jordi Pujol, nun contexto marcado sentenza dos tribunais en contra da inmersión lingüística, parafraseou ao grupo dicindo que o país precisaba integrar a todas as “Jenifers”. 

Cousas como esta amósannos -unha vez máis- o tremendo poder de difusión que ten internet. Especialmente para comunidades lingüísticas que non sempre contan co apoio necesario para lanzar os seus produtos culturais, aínda que niso Catalunya está a anos luz de Galiza. Mais, como lembraron en Seioque, nós tamén temos a nosa canción de amores prohibidos. É o “Esta noite hei d´ir aló” dos Diplomáticos de Montealto. Non ten tanta sorna como o tema de Els Catarres, pero tamén paga a pena escoitala. 


12 de set. de 2011

Fálase no Reino. Semana 2

0 comentários
Aquí está a segunda entrega de "Fálase no Reino", con algunhas das novas que lin na prensa anglosaxona que me chamaron máis a atención. Non teñen que ser necesariamente as máis importantes, pero si que as que, por un ou outro motivo, me pareceron máis interesantes.

George Osborne: "A política económica non vai mudar" telegraph.co.uk

Fonte: guardian.co.uk
Non é ningunha novidade, pero foi un feito de relativa importancia esta semana no Reino Unido. Estas declaracións do ministro de facenda, George Osborne, tiveron lugar nun encontro coa directora do FMI, Christine Lagarde, no think tank Chatham House. Alí, a dirixente do organismo internacional parabenizou a políticas económica do goberno presidido por David Cameron e do que o ministro é un dos principais artífices.




O TUC está "preparado e listo" para ir á folga polas pensións guardian.co.uk

Brendan Barber da TUC
Fonte: guardian.co.uk
TUC correspóndese coas siglas Trade Union Congress, e é unha organización que une a unha parte moi importante dos sindicatos do Reino Unido. Esta semana varios dos seus dirixentes saíron na prensa para dicir que estaban preparados para saír a rúa a defender as pensións públicas, mesmo recorrendo a paros coordinados. Este anuncio chega despois de que o pasado 30 de xuño varios sindicatos do sector público convocasen unha xornada de folga que acadou bastantes éxitos.

Como nova relacionada, sinalar que neste momento está a haber un debate no Partido Laborista no que se formula restarlle peso aos sindicatos no seu congreso. Aínda que desde o noso punto de vista resulte sorprendente, no Reino Unido as organizacións de traballadores teñen voto directo nas conferencias laboristas.

1000 persoas acuden ao funeral de Mark Duggan independent.co.uk

Fonte: independent.co.uk
Mark Duggan foi o mozo de 29 anos asasinado pola policía o pasado 4 de agosto. Foi a raíz desta morte que en Londres comezaron os disturbios que conmocionaron a sociedade inglesa e puxeron en alerta a outros países do entorno. Pois ben, non foi até este venres que tivo lugar o enterro. A comitiva fúnebre estivo acompañada por máis de 1000 persoas para amosar o apoio e a unión da súa comunidade. Segundo varios medios ingleses na ceremonia houbo varias peticións de xustiza para reparar o asasinato do mozo.

9 de set. de 2011

A esquerda e o seu amor polos substantivos

1 comentários

Eu son materialista. Polo tanto non creo nas ideas, nos pensamentos ou nos conceptos separados da materia. Un non razoa por ter alma, senón por ter cerebro. Como intento ser o máis coherente posíbel co meu credo filosófico, non só o aplico a cuestións metafísicas senón tamén a asuntos concretos da sociedade na que vivo. Cando critico as cousas que non me gustan e reclamo cambios, fágoo para conseguir algún tipo de mudanza material con implicación na realidade que podo ver. Eu cría que este era un principio compartido tradicionalmente pola esquerda. Pero nos últimos tempos véñome a dar conta de que o que máis gusta é discutir sobre termos, ideas e conceptos que teñen pouca ou ningunha influencia na vida material das persoas. Pódenselle dedicar horas a debater se o termo “esquerda socialista” é máis acaido que “esquerda transformadora” e tan só un minutos á concreción programática que acompaña a definición ideolóxica.

Esta predilección polo que non deixan de ser debates léxicos ten, tristemente, implicacións moi reais na práctica política das organizacións. Sacralízanse unha serie de termos e expresións que forman parte da fraseoloxía considerada “de esquerdas”, aínda que despois non vaian servir para acadar ningún obxectivo concreto. Non se é máis transformador por utilizar moitas veces a palabra socialismo, nin tampouco se é máis soberanista por repetir até a saciedade o termo “autodeterminación”. O que define a coherencia e a utilidade dunha determinada práctica política é o avance na consecución de obxectivos programáticos, independentemente da terminoloxía que se empregue. Pola contra, ficar nese ideoloxismo baleiro de definición manualesca e vocabulario “da boa ortodoxia”, non deixan de recordarme ao idealismo filosófico. É dicir, a primar o intanxíbel fronte as cuestións concretas e reais. 

Nun contexto no que a esquerda política vai de derrota en derrota e no que ao mesmo tempo se están a producir enormes retrocesos sociais, tórnase imprescindíbel facer certas mudanzas de calado. Abandonar o amor pola guerra de substantivos e construír un programa que guíe a acción diaria e que sirva para marcar a axenda política. A dereita puxo aos movementos progresistas nunha posición exclusivamente resistencialista diante das súas políticas, anulando toda capacidade de tomar a iniciativa. Non temos máis que ollar cara o debate en torno ao límite do déficit. Nos tres anos que levamos de crise só o neoliberalismo foi quen de pór enriba da mesa as súas alternativas. Do outro lado non se puido, por poñer un exemplo, situar a reforma fiscal no eixo do debate político. 

Calquera oportunidade de reconstrución da esquerda pasa necesariamente por que sexa capaz de propor alternativas reais que inflúan na vida material da cidadanía. A ideoloxía non é un fin en si mesmo, senón que é o prisma que permite ollar e analizar a realidade para despois facer propostas para o cambio. Como dicía o vicepresdiente de Bolivia, Álvaro García Linera, “cando un fala de socialismo está a falar de algo que sexa distinto ao que estamos a vivir. Podemos colocarlle outro nome. Se a alguén non lle gusta a palabra socialismo que lle coloque comunitarismo, se non lle gusta comunitarismo, que lle coloque o nome de bo vivir, non hai ningún problema, non nos imos pelexar polos nomes”. 

Se a esquerda non é quen de asumir isto, no canto de ter organizacións transformadoras o máximo ao que pode aspirar é a ter un cacao mental de tamaño descomunal. 

8 de set. de 2011

Counterparties, outra volta na agregación de contidos

0 comentários

A agregación de contidos é unha práctica cada vez máis común nos medios sociais. En casos como Digg, Menéame ou Chuza son os propios usuarios os que soben e puntúan ligazóns. No Huffington Post combínase a elaboración propia coa agregada. 


Hei de recoñecer que este modelo nunca me convenceu demasiado e que sempre fun directamente á información propia sen pasar por filtros. Malia todo, grazas á bitácora Periodistas21 descubrín un novo sitio web que pode facerme mudar de parecer . Chámase Counterparties e lanzouno o blogueiro económico Felix Salmon para a axencia Reuters. Só ofrecen información relacionada co mundo dos negocios, pero o que me chamou a atención non foi iso, senón o xeito que ten de seleccionar que novas ou que artigos aparecerán no web. Faise a partir das contas de Twitter e dos feeds RSS que segue o seu editor. Deste xeito agréganse os contidos en función dos criterios profesionais dun experto, aumento o interese destes. Para recoller as ligazóns que aos internautas lles parecen interesantes, Counterparties emprega unha plataforma chamada Percolate! que se basea tamén no seguimento de fluxos RSS e de Twitter. 

A esta figura de intermediarios chámaselles curators e, tal e como os definiu Juan Varela, son editores sociais. Este tipo de profesionais poden servir para pórlle un pouco de couto a todo o ruído que se xera pola saturación de información na rede. Asemade, esta práctica de filtrar información serve para darlles valor engadido ás informacións orixinais se a persoa que as agrega ten unha certa reputación nese campo. Imaxinade algo así feito por Ignacio Escolar, Manuel Gago ou Antón Losada.

Malia todo, coido que cómpre seguirmos valorando preferentemente a información propia. Como se ten repetido innumerábeis veces, os principios básicos do xornalismo de rigor e calidade seguen plenamente vixente en internet. O reto está en empregar as novas linguaxes para contar mellor as mesmas historias. Non converter o medio nun fin en si mesmo. Empregar a agregación pode ser útil e interesante en moitas ocasións, sobre todo cando se xera algún tipo de valor engadido, pero non podemos permitir que remate por primar sobre a creación de contido propio. 

7 de set. de 2011

Requiem por Don Manuel

0 comentários

Fonte: @bluecatgossip

En 2008 o portal de finanzas Bloomerg publicou por accidente un obituario de 17 páxinas sobre Steve Jobs. Aínda sigue vivo. En 1993 a Raíña Nai de Inglaterra foi dada por morta nalgúns medios australianos. Non falecería até 2002. En 2004, a ABC News escapóuselle unha necrolóxica de Sharon Osbourne, a muller de Ozzy Osbourne. De momento tamén sigue viva.

Non é ningún segredo que os medios de comunicación teñen un arquivo de obituarios. Elabóranse con tempo, rigor e, se é un personaxe moi senlleiro, tamén con bastante extensión. Non hai nada malo en traballar con esta previsión para garantir a calidade da información. O problema é se sae á luz cando non debe. Esta mañá comezou a circular polo Twitter unha captura de pantalla dunha páxina de probas de La Voz de Galicia na que se anunciaba o falecemento de Manuel Fraga. O tema  estaba quente- A semana pasada anunciou a súa retirada da política e hai cousa dun mes Twitter deuno por morto. De feito, a raíz disto saíu un desmentido en El Mundo cunha foto do senador en cadeira de rodas camiño de misa. Todos estes ruxe-ruxes activaron as alarmas sobre o estado do veterano político. 

Agora ben, parece que esta información nunca estivo na portada de La Voz de Galicia e só se podía acceder a través dunha URL utilizada para facer probas deste tipo. O propio xornal amosou a súa sorpresa a través do Twitter. 

Fonte: Rubén Bastón

Pero o que non deixará de sorprenderme é esa veneración tan estendida cara Manuel Fraga. Máis alá da relevancia que tivo durante a transición e máis alá do perfil de “galeguista” que nos quixo vender cando foi presidente da Xunta, Fraga foi un dirixente franquista. Era el quen mandaba a policía cando asasinaron a cinco obreiros en Gasteiz. Tamén foi el quen xustificou a execución de Julián Grimau mentres foi ministro de información. Non vimos hoxe no obituario da Voz fotografías deste período. Como lin pola mañá en Twitter, parece que Fraga naceu vello e autonomista.

6 de set. de 2011

Terceiro aniversario de Google Chrome

0 comentários
Google Chrome acaba de cumprir tres anos e para celebralo algúns membros do seu equipo fixeron este infográfico interactivo coa evolución da rede. Un xeito moi interesante de presentar a aparición das distintas tecnoloxías e navegadores.


4 de set. de 2011

Fálase no Reino. Semana 1

0 comentários
Novidade! Cada semana intentarei compartir con vosco algunhas ligazóns de interese que vaia atopando en páxinas e blogs anglosaxóns. Acompañareinas dun breve comentario e a temática será moi variada, pero contade con bastantes cousas relacionadas coa actualidade do Reino Unido. Despois de vivir alí un ano aínda teño moito interese nas súas cuestión domésticas!


As siglas EDL correspóndense con English Defence League (Liga de Defensa Inglesa), unha organización de extrema-dereita que organiza protestas contra as comunidades musulmanas. Nos tres anos que levan funcionando as súas convocatorias caracterízanse por ser bastante violentas e cun alto contido racista, tal e como amosou The Guardian nunha videorreportaxe hai algo máis dun ano. 

Foto: Dan Kitwood/Getty para guardian.co.uk

No día de onte tiñan convocada unha "marcha estática" en Tower Hamlets (Londres), unha zona cunha comunidade musulmana moi grande e arraigada. Para evitar un posíbel escenario de violencia nesta mobilización, o goberno prohibiu todas as manifestacións políticas durante 30 días para evitar que haxa incidentes como os disturbios de hai unhas semanas. Esta decisión abriu un debate moi interesante nalgún medio de comunicación como o que se deu en The Guardian entre partidarios da prohibición e detractores

Finalmente na concentración racista só houbo entre 150 e 200 persoas, segundo informa o Huffington Post, e saldouse con 60 detencións

Como nota curiosa, chamoume a atención que membros do sindicato de transportes RMT pecharon algunhas estacións de metro para evitar que os activistas da EDL puidesen chegar ao punto de encontro. 


"Non hai dúbida de que os smartphones están a revolucionar o xornalismo e que moitas ferramentas de traballo tradicionais están pasando de moda. (...) Malia todo, aínda quedan algunhas que cada reporteiro aínda ten que levar canda si ademais dos teléfonos intelixentes."

Aquí vai unha lista de cinco:

1. Un bloc de notas e un bolígrafo (ou dous). Non te quedes sen cubrir o acontecemento do século se che morreu a batería do teu iPhone.

2. Zapatillas ou botas cómodas. Por moito móbil que teñas, aínda vai haber que ir aos sitios e pasar moito tempo de pé. Un bo calzado é imprescindíbel para un xornalista que patee as rúas. 

3. Ter un bo editor. Algo dificilmente substituíbel por un gadget.

4. Unha fotocopiadora/impresora. Aínda que pareza incríbel, ás veces cómpre ter as cousas nese soporte antigo chamado papel.

5. Unha taza de café forte. Coa velocidade coa que se producen os feitos e a inmediatez de internet, sempre imos con retraso. Un bo excitante non nos ven mal para traballar máis rápido.

2 de set. de 2011

O neoliberalismo á constitución

0 comentários

Rubalcaba non quere cargar coa herdanza dos gobernos de Zapatero. O presidente está en horas baixas e cómpre diferenciarse se se aspira a maquillar a previsíbel derrota electoral. Por iso está a facer unha precampaña con guiños á esquerda e ao movemento 15-M. Ao pouco de ser elixido candidato, anunciou que ía introducir no programa algunhas propostas para favorecer a participación. “Escaño 351”, chamáballe a que representantes cidadáns puidesen ir ao congreso a defender unha iniciativa lexislativa popular. Pero claro, ultimamente a palabra dos líderes socialistas  ten bastante pouca credibilidade. Sobre todo cando despois de falar de democracia participativa encabezan unha reforma constitucional aprobada sen referendo. Entendo que ao PSOE non lle viña demasiado ben que se abrise un debate social sobre este tema. Non tanto por perder unha hipotética consulta -opción pouco probábel- senón porque canto máis se falara do que representa a reforma, máis se podía desmobilizar a súa base social de cara ao 20-N. Non en van moitos articulistas sinalaron que cando ZP fixo esta proposta estaba a dinamitar o “efecto Rubalcaba”. 


O que acontece é que unha reforma constitucional deste tipo non é o que se agarda dun partido supostamente socialdemócrata. Unha das bases da política económica keynesiana é aumentar o gasto público en tempos de crise recorrendo a un endebedamento controlado. Limitar o déficit forma parte do dogma neoliberal de reducir a toda costa o investimento público. As consecuencias disto son os recortes no  financiamento para a sanidade, a educación e outros servizos sociais básicos. Desde o Partido Popular -os outro apoiantes da reforma- dinnos que o estado do benestar está sobredimensionado, cuestión que, tal e como indica o profesor Vicenç Navarro, é totalmente falsa. O Estado Español gasta en política social moito menos que os seus veciños da UE-15. Se actualmente o PIB anda nun 94% a respecto destes países, o investimento público é do 74%. Fronte a esta evidencia os neoliberais gustan de empregar o mantra de que “o goberno gasta por riba das súas posibilidades”. Iso é certo? Non do todo. O Estado Español ten un dos sistemas impositivos menos progresivos do seu entorno. Mentres que o que tributan as clases medias e baixas está preto da media da UE-15, as grandes fortunas fano nunha proporción moito menor. Sendo claros e un chisco simplificadores, cartos habelos hainos, mais falla vontade política de recadalos. Prefírese ser compracente coa fraude fiscal e facilitar que os máis poderosos obteñan todas as vantaxes fiscais posíbeis.

A fin de contas, como dicía José Luís de Zárraga en Público, a decisión de reformar a constitución non é tanto económica como política. O límite ao déficit non entrará en vigor até 2020, polo que non vai ter ningunha consecuencia sobre as finanzas a curto prazo. É unha “confesión de fe”. O estado renuncia á súa soberanía e eleva a rango legal o proxecto do neoliberalismo. Renúnciase a que nun futuro se poida implementar outro tipo de política económica e evidencia que fronte aos mercados, non hai vontade popular que valga. Logo sorprenderalles que haxa desafección coa democracia liberal. 

1 de set. de 2011

De cando Steve Jobs cambiou o xornalismo

0 comentários
Poucas veces a renuncia dun conselleiro delegado ten dado tanto de que falar. Pero e que o de Steve Jobs non é un caso ao uso. Lonxe de caer na mitomanía, dificilmente podemos entender algúns cambios no consumo de produtos culturais sen as innovacións de Apple.

En 2001 o iPod revolucionou o mercado da música. Non por fabricar un reprodutor portátil (iso xa existía), nin tampouco por ter un deseño moi coidado (aínda que tamén influiu) senón polo servizo asociado de iTunes. Jobs colleu a industria discogáfica do momento, ameazada polo recén creado Napster, e transformouna completamente. No cando de vender o album como obxecto físico, propuxo vender as cancións por separado e permitir aos usuarios crear as súas propias listas de reprodución. Para que isto fose funcional, simplificaron o proceso de compra ao máximo de xeito que premendo un botón puideses ter no teu reprodutor o tema que quixeras. O éxito foi inmediato, na primeira semana de funcionamento da iTunes Music Store venderon un millón de temas, e a cifra non parou de aumentar. A día de hoxe a través dos servizos de Apple tamén podes adquirir libros, películas e aplicacións.

En 2007 Apple lanza o iPhone. Non foi o primeiro smartphone pero si o máis influínte. Popularizou a conexión a internet nos móbiles e obrigou ás compañías telefónicas a proveer mellores servizos. Ademais, o deseño de pantalla táctil con poucos botóns físicos tornouse dominante mesmo noutros fabricantes. Non hai máis que ollar para a serie Samsung Galaxy para darnos conta disto. Por outra banda, ao extenderse o consumo de internet a través de dispositivos móbiles, potenciou o uso das redes sociais e obrigou aos medios de comunicación a desenvolver aplicacións para estaren presentes nun espazo no que cada vez se consume máis información.



No 2010 é a hora do iPad, un tipo de dispositivo que até o momento non gozaba de excesiva popularidade. Porén, o lanzamento da tableta de Apple creou unha grande expectación en consumidores e empresas de comunicación que querían estar ben posicionadas. Especialmente despois de que no seu lanzamento aparecese cunha aplicación do New York Times incorporada. O iPad abriu un novo camiño para a navegación e o consumo multimedia que, vistos os datos de vendas, semella ter moito futuro. Esta é a razón de que os medios tradicionais queiran ter todos a súa aplicación propia ou mesmo que desenvolvan unha cabeceira exclusiva para iPad como é o caso de The Daily, propiedade de NewsCorporation.

Os aparellos que Apple lanzou nestes últimos dez anos achegan importantes mudanzas para o xornalismo dixital. En primeiro lugar, traen canda si a primacía dos dispositivos móbiles como principais ferramentas para obter información. Isto condiciona a forma na que debemos elaborar as nosas mensaxes para que poidan ser lidas dun xeito cómodo en móbiles e tabletas. Asemade, a propia experiencia do consumo de información mudou substancialmente. Os novos dispositivos favorecen a utilización de elementos multimedia e a interacción co usuario. Agora podemos tocar, escoitar e ver unha mesma noticia, como profesionais debemos explotar estas posibilidades. E por último, o modelo iTunes é unha aposta clara e exitosa polo pago por contidos. Se cadra non é extrapolábel a un xornal, xa que semella difícil que un lector vaia mercar por separado unhas novas que só vai ler unha vez. Mais a filosofía de que os produtos intanxíbeis teñen que ter un prezo pero que o proceso de compra ten que ser extremadamente sinxelo, é algo que non debemos esquecer para un xornalismo que está en crise.

Comezamos

3 comentários
Benvidos! Se estades lendo isto é que déchedes por casualidade ou que estabades interesados en ver que raio era isto do novo blog de Duarte. Pois ben, despois de que que a miña antiga bitácora, Revolta Rockeira, estivera uns seis anos na rede pero sen actualizacións constantes, chega o momento na vida dun xornalista no que ten que abrir un blog serio. E cando digo serio refírome sobre todo á constancia nas actualizacións.

Se queredes saber sobre que temas podedes ler aquí, pois entrade a miudo e xa veredes... Pero así a xeito de avance pódovos dicir que andarán ao redor das cousas que máis me interesan: comunicación, política, cultura, lingua etc.

Unha aperta e grazas por visitardes quebenquedei.blogspot.com !