skip to main | skip to sidebar

19 de abr. de 2012

Algúns apuntamentos para a esquerda do século XXI

Hai xa cousa de dous anos, Ignacio Ramonet escribiu un artigo titulado “Socialdemocracia, fin de ciclo” no que vaticinaba a fin deste movemento político.

As ideas tamén morren. O cemiterio dos partidos políticos soborda de tumbas onde xacen os restos de organizacións que outrora desataron paixóns, moveron a multitudes e hoxe son pasto do esquecemento. Quen se acorda en Europa, por exemplo, do Radicalismo? (...) Que foi do Anarquismo? Ou do Comunismo estaliniano? Que foi daqueles formidábeis movementos populares capaces de mobilizar a millóns de campesiños e obreiros? Que foron senón desatinos?

Polos seus propios abandonos, abxuracións e renuncias, á socialdemocracia europea tócalle hoxe verse arrastrada cara ao sepulcro...O seu ciclo de vida parece rematar.


Máis aló de entrar a valorar o contido do artigo, gustaríame sinalar un punto que no seu momento me pareceu bastante chocante pero cheo de razón: as ideas tamén morren.

En certo sentido, isto é o que lle está a acontecer á esquerda europea desde hai máis de 20 anos. Pode que os valores de xustiza e igualdade que a fundamentan sigan a estar plenamente vixentes, pero os movementos políticos que os sustentaron durante o século XX non son máis ca unha sombra do que foron.

Dun xeito moi esquemático poderíamos afirmar que nos últimos cen anos a esquerda europea pivotou sobre dous grandes polos: o socialdemócrata e o comunista. O posicionamento sobre a I Guerra Mundial, a Revolución Bolchevique, a dicotomía entre reforma ou revolución e as teses de Eduard Bernstein foron algúns dos motivos que levaron á división dun movemento que permanecera relativamente unido durante o século XIX.


Leónidas Brezhnev (URSS) con Willy Brandt (RFA)

Os partidos socialistas foron capaces de formar goberno nos países occidentais e aplicaron un programa de reformas máis ou menos ambicioso que, entre outras cousas, foi fundamental para a creación do estado do benestar. Sistemas de ensino públicos e gratuítos, sanidade universal, axudas de desemprego...En todas estas políticas foi fundamental a acción da socialdemocracia.

Pola súa banda, os comunistas dominaron o leste do continente durante décadas acadando graos de redistribución da riqueza nunca vistos. Ademais foron un importante contrapeso na política mundial que abriu a posibilidade de reformas sociais no bloque capitalista.

Nos países occidentais os Partidos Comunistas tiveron un rol moi importante nas mobilizacións populares e estiveron á vangarda das reivindicacións máis progresistas, chegando a acadar importantes cotas de apoio. Aí temos os resultados electorais do PCI de Berlinguer en Italia, ou o papel determinante do PCP na Revolución dos Caraveis en Portugal.


"A ameaza vermella" Enrico Berlinguer na portada da revista Time


Mais é evidente que ningún dos dous polos está no seu mellor momento a día de hoxe. Gústame dicir que mentres que o movemento comunista tivo unha morte abrupta coa caída da URSS, a socialdemocracia foi esmorecendo progresivamente ao aceptar as propostas neoliberais a partir dos anos 80.

Coido que dun xeito ou doutro, ámbolos dous movementos fracasaron. A socialdemocracia renunciou á superación co capitalismo a través da reforma e limitouse a paliar algúns dos seus efectos máis nocivos. Porén, foi cómplice e mesmo axente activo nos excesos que se cometeron na periferia do sistema. Mesmo finalmente, xa sen o contrapeso da URSS, aplicou unha política económica cuspidiña á da dereita. Aí temos os gobernos de Blair no Reino Unido, Schröder na Alemaña ou o propio Zapatero no Estado Español.

Zapatero defendendo a reforma laboral

Nos países comunistas sacrificáronse as liberdades e dereitos civís que tradicionalmente foran reivindicacións da esquerda, e outorgóuselle o control do aparello do estado a unha caste burocrática organizada a través do partido.

A fractura entre gobernantes e gobernados foi tal, que o bloque soviético non caeu por acción exterior, senón que colapsou internamente. Como recordaba o marxista arxentino Atilio Borón, “derrubouse sen un só disparo e ante a incríbel indiferenza da poboación”

A onda expansiva da URSS afectou a todos os partidos do entorno que, perdido o gran referente, foron ocupando posicións cada vez máis residuais. Os outrora poderosos PCF ou PCI, hoxe están desaparecidos ou son totalmente irrelevantes. Nalgúns países, como Grecia ou Portugal, resistiron mellor e aínda xogan un papel importante na mobilización social, mais son incapaces de medrar máis alá da súa base tradicional.

E agora que facemos?

Nun contexto de crise económica como o actual, as propostas políticas da esquerda bótanse de menos. E moito.

Semella que comezan a agromar algunhas alternativas esperanzadoras. Por exemplo a Front de Gauche que este domingo apoia a candidatura de Jean-Luc Mélenchon á presidencia de Francia. Pero aínda son proxectos bastante incipientes e está por ver se son capaces de manter a súa continuidade no tempo.

En cada momento a histórico a esquerda dotouse da ferramenta política e do programa que resultaban máis acaido. As ortodoxias e as
posturas inamovíbeis nunca lle foron útiles aos movementos progresistas.

Neste contexto, faise necesario construír unha alternativa programática e partidaria para a esquerda do século XXI. E nisto os vellos prexuízos non axudan. O propio Melénchon aborda este tema nunha entrevista que lle fixeron recentemente no xornal arxentino Página/12

É preciso que a nosa esquerda cure a manía das querelas teolóxicas, das discusións aterradoras sen fin. É preciso ter unha práctica racional. En canto se presenta unha dificultade, trátase de deconstruíla, de deconstruír o seu contido e volver construír cos útiles que funcionan. É imposíbel separar a práctica do traballo teórico. Teño unha intuición, unha sorte de certeza histórica e política: a clase traballadora está chea de ideas, de coñecemento, dunha mirada de experto. É unha fonte fabulosa! A dialéctica do intercambio permítenos progresar.

E finalmente engade un razoamento moi útil para construír calquera alternativa:

Ás veces hai que tomar o vello vocabulario, poñelo a un lado, volver comezar desde cero como si acabáramos de nacer. A través das palabras podemos crear unha gramática nova, unha síntese nova e converxencias extraordinarias.

Reforma ou revolución?

Reforma e revolución. As dúas. Coido que un dos retos da esquerda para este século e aprender dos erros que a precederon. A socialdemocracia foi totalmente incapaz de facer as propostas necesarias para superar o sistema democrático liberal e o modo de produción capitalista, e o movemento comunista non soubo empregar o aparello institucional para levar adiante parte do seu programa.

Diante da pregunta de se a esquerda se volveu reformista, a socióloga chilena Marta Harnecker escribiu o seguinte:

Paréceme que a mellor definición é aquela que designa como reformistas aos que mediante as reformas buscan perfeccionar a actual orde existente e como revolucionarios a aqueles que, ao impulsar as reformas, loitan ao mesmo tempo por modificala profundamente, cambio que non pode producirse sen unha ruptura coa orde anterior.

A esquerda do século XXI ten que ser capaz de combinar un programa de reformas dentro do marco existente e á vez poñer os alicerces que permitan superalo.

Neste sentido, as persoas de tradición socialdemócrata teñen que perder o medo a denunciar un sistema que se demostrou inxusto, mentres que os de tradición comunista teñen que se atrever a asumir responsabilidades institucionais e traballar dentro do marco.

Por iso é tan importante contar cun bo programa. Hai que presentarlle á sociedade unha serie de propostas que se poidan aplicar desde as institucións co actual aparello legal. Non é bo crear expectativas que logo non son se poden cumprir. Cómpre ter claro que se pode facer e que non en cada ámbito de poder. Non é igual a política municipal que a nacional ou a estatal. Cada institución precisa das súas propias liñas programáticas.

Xunto coas reformas, desde os gobernos hai que promover as iniciativas que abran campo para outro marco político e económico. Non é casualidade que os primeiros gobernos de Chávez tivesen como obxectivo redactar unha nova constitución. E sen irnos tan lonxe, a Front de Gauche de Mélenchon está a facer un chamado para constituír a VI República francesa. Mais isto non se acada se non hai unha masa social que o soporte.

Nin o institucionalismo da socialdemocracia nin o dirixismo dos PCs

O traballo nos movementos sociais, na sociedade civil, ten que ser un dos piares básicos de calquera organización de esquerda. Gustoume unha frase que dixo Tony Benn, un histórico laborista inglés, cando abandonou a Cámara dos Comúns:

“Deixo o parlamento para poder ter máis tempo para a política”

Porque faise moita política desde fóra das institucións, e isto é algo que a socialdemocracia esqueceu hai tempo. Hai tanto tempo que só velliños como Tony Benn parecen lembrar.

Mais tampouco vale entender aos movementos sociais como correas de transmisión das consignas partidarias. Existe un enorme potencial creador na cidadanía que as organizacións de esquerda teñen que fomentar e empregar.

O sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos tratou este tema nun artigo que lin hai un tempo:

Os partidos que foron moldeados pola idea da teoría de vangarda non son hoxe partidos nin de vangarda nin de retagarda. Son de feito partidos burocráticos que cando están na oposición resisten fortemente o status quo, pero non teñen alternativa, e que cando están no poder, resisten fortemente ao xurdimento de alternativa. Como reemprazo do partido de vangarda habería que crear un ou máis partidos de retagarda que acompañen o fermento de activismo social que se xera cando os resultado da participación popular democrática se fan transparente até para os que aínda non participan e que, deste xeito, son atraidos a participar.


Para erguer unha esquerda do século XXI fai falla que comecemos a pensar desde a perspectiva deste tempo. Do pasado hai que aprender pero non vale de nada herdar os erros. Quédome coa idea que daba Mélenchon: descontruamos os problemas para construír as alternativas.



Foto 1 © Bettmann/CORBIS
Foto 2 © Time
Foto 3 © AFP/Thomas Samson
Foto 4

0 comentários:

Postar um comentário