skip to main | skip to sidebar

De quen veño sendo?


Son o neto de Felicitas do Canteiro, o rapaz da filla máis nova. Se isto fose A Illa a todos lles quedaría claro de quen veño sendo. Pero internet éche un espazo máis amplo e hai algunha xente que non está ao tanto da xenealoxía da aldea de Monfero na que están as miñas raíces, así que ampliarei un pouco.

Chámanme Duarte e, malia esta primeira referencia ao rural, son basicamente urbanita, como tamén o é a outra rama familiar que non ven de Monfero. Crieime e curtínme no barrio da Gándara, en Narón, e tamén vivín un tempo en Santiago de Compostela e máis en London. Así que as pequenas aldeas galegas quédanme un pouco lonxe, pero non quero esquecer de onde veño.

Para ben ou para mal elixín de profesión xornalista. Pero como iso agora xa non é abondo, quixen especialiarme en electrónico, internet, multimedia, medios sociais e esas lerias. E niso ando.

Creei o meu primeiro blog aló polo ano 2005, chamábase Revolta Rockeira e aínda que estivo seis anos aberto, non tivo demasiada continuidade. Así que podo dicir que este é o meu primeiro intento serio de manter unha bitácora persoal. O nome está sacado desa fonte de inspiración que son os bares deste país e deuma a dona dun estabelecemento do meu barrio cando rexeitei (milagre!) un pincho de balde.