skip to main | skip to sidebar

20 de mar. de 2012

Que é iso do xornalismo de datos?

Se me seguides en Twitter veriades que levo unha tempada falando dunha cousa que se chama xornalismo de datos. Este parece un bo momento para explicar de que raio estou a falar.

Comecemos cunhas definicións:

Hoxe o xornalismo de datos pódese definir como un proceso de traballo onde os datos son a base para a análise, visualización é -sobre todo- para contar historias.
Mirko Lorenz, arquitecto da información e xornalista multimedia


O xornalismo de datos é (...) froito da converxencia de moitos campos (...), desde a investigación até a estatística, pasando polo deseño e a programación.
Paul Bradshaw, xornalista e profesor universitario


O xornalismo de datos non vai de gráficos e visualizacións. Vai de contar historias do mellor xeito posíbel. Algunhas veces será cunha visualización ou cun mapa, pero outras tan só cunha noticias. Mesmo en ocasións con publicar un número chega. Se o xornalismo de datos vai sobre algo é sobre a flexibilidade de buscar novas formas de contar historias.
Simon Rogers, xornalista de datos en The Guardian


En esencia non é outra cousa que un novo xeito de traballar. Cada vez hai máis información dispoñíbel ao público, a tarefa desta especialidade é recompilala, analizala e expresala do mellor xeito posíbel.



E que ten de novidoso?
Pois nada e todo á vez. A utilización de datos para o xornalismo é algo moi vello, pero a novidade radica na forma na que está a facer. Grazas ás leis de transparencia, gobernos e institucións públicas de moitos países poñen a disposición da cidadanía información que manexan cada día. Isto implica non só a publicación e difusión destes datos a través de medios oficiais e páxinas web, senón sobre todo a obriga de responder ás solicitudes que calquera persoa lles faga.

Ao abeiro desta normativa os xornalistas podemos acceder a información que até o de agora era moi difícil de conseguir, ou estaba nun formato que facía imposíbel a súa análise ou directamente non era accesíbel.

Imaxina que queremos coñecer en que empresas gasta os cartos o Concello de Narón, ou cal é a taxa de mortalidade en operacións no CHUS de Santiago, ou a axenda de visitas do presidente Feixoo. Cunha lei de transparencia é sinxelo acceder a estes datos.

Malia todo, o Estado Español aínda está atrasado neste aspecto. Mariano Rajoy prometeu que ía aprobar unha Lei de open data semellante aos países do noso entorno europeo nos seus primeiros 100 días de goberno. Isto déixalle algo menos de dúas semanas para facelo. Haberá que estar pendente.




En que afecta isto ao futuro do xornalismo?
Facer investigacións rigorosas con datos require formación, tempo e profesionalidade. Un bo traballo xornalístico é imprescindíbel.

Simon Rogers, un dos máis reputados xornalistas de datos do Reino Unido, fai unha afirmación coa que estou bastante de acordo.

Hai un novo rol para os xornalistas que consiste en facer de ponte entre aqueles que teñen os datos (e son moi malos á hora de explicalos) e o público que desesperadamente quere entendelos e acceder a eles pero que precisan axuda. Podemos ser esa ponte.


O xornalismo de datos é unha disciplina enorme, na que aínda queda moito por explorar pero que está chea de potencialidade e de futuro. Intentarei seguir actualizando con cuestións interesantes que vaia atopando ou facendo. Ficade alerta!

0 comentários:

Postar um comentário