
Coma sempre que sae unha noticia
polémica, Twitter arde. E por que foi esta vez? Pois porque ao
Consello de Administración de RTVE lle pareceu unha boa idea que os
seus membros puidesen acceder ao sistema informático co que os
xornalistas preparan os telexornais. Isto que significa? Pois que os
representantes políticos e sindicais -que son os que conforman o
Consello- terían a posibilidade de saber de antemán a
xerarquización de novas na escaleta, o minutado, as fontes, os
videos...En definitiva todos eses aspectos que un xornalista manexa
para elaborar información televisiva. Non fai falla que vos diga o
problemático que pode ser que os representantes políticos coñezan
a tempo real o traballo que se está a facer na redacción. Non por
casualidade moita xente cualificou a proposta de “censura previa”.
A medida presentouna unha conselleira
proposta polo Partido Popular e contou co apoio de CiU. No outro
lado da barreira só se situaron os conselleiros de IU e de UGT, xa
que PSOE, CCOO e ERC optaron pola abstención. Rapidamente a nova
saltou ás redes sociais, onde moitos xornalistas de distinta cor
amosaron a súa indignación. E ao pouco os partidos recuaron.
Rubalcaba, González-Pons, Javier Arenas, Joan Tardá, Leire
Pajín...ían saíndo paseniño para dicir que as súas formacións
non estaban de acordo coa decisión dos conselleiros que eles
propuxeran. Diante da reacción profesional e popular decidiuse
rectificar e anular a medida nunha reunión de urxencia do Consello
de Administración.
Desta volta non colou, pero estívolle
cerca. Se non houbese esa presión por parte dos traballadores de
RTVE e doutros profesionais do entorno é probábel que o control
político dos informativos saíse adiante. É certo que a televisión
pública estatal mellorou moito nos últimos anos, sobre todo se
lembramos a nefasta época dos gobernos de Aznar, pero cando
acontecen cousas como esta comprobamos o doado que é desandar o
camiño percorrido. Por iso mesmo é necesario blindar os pasos dados
e reducir o control político dos medios públicos. Crear organismos
de dirección conformados por profesionais dun xeito plural,
participativo e democrático.
0 comentários:
Postar um comentário