
En 2001 o iPod revolucionou o mercado da música. Non por fabricar un reprodutor portátil (iso xa existía), nin tampouco por ter un deseño moi coidado (aínda que tamén influiu) senón polo servizo asociado de iTunes. Jobs colleu a industria discogáfica do momento, ameazada polo recén creado Napster, e transformouna completamente. No cando de vender o album como obxecto físico, propuxo vender as cancións por separado e permitir aos usuarios crear as súas propias listas de reprodución. Para que isto fose funcional, simplificaron o proceso de compra ao máximo de xeito que premendo un botón puideses ter no teu reprodutor o tema que quixeras. O éxito foi inmediato, na primeira semana de funcionamento da iTunes Music Store venderon un millón de temas, e a cifra non parou de aumentar. A día de hoxe a través dos servizos de Apple tamén podes adquirir libros, películas e aplicacións.
En 2007 Apple lanza o iPhone. Non foi o primeiro smartphone pero si o máis influínte. Popularizou a conexión a internet nos móbiles e obrigou ás compañías telefónicas a proveer mellores servizos. Ademais, o deseño de pantalla táctil con poucos botóns físicos tornouse dominante mesmo noutros fabricantes. Non hai máis que ollar para a serie Samsung Galaxy para darnos conta disto. Por outra banda, ao extenderse o consumo de internet a través de dispositivos móbiles, potenciou o uso das redes sociais e obrigou aos medios de comunicación a desenvolver aplicacións para estaren presentes nun espazo no que cada vez se consume máis información.
No 2010 é a hora do iPad, un tipo de dispositivo que até o momento non gozaba de excesiva popularidade. Porén, o lanzamento da tableta de Apple creou unha grande expectación en consumidores e empresas de comunicación que querían estar ben posicionadas. Especialmente despois de que no seu lanzamento aparecese cunha aplicación do New York Times incorporada. O iPad abriu un novo camiño para a navegación e o consumo multimedia que, vistos os datos de vendas, semella ter moito futuro. Esta é a razón de que os medios tradicionais queiran ter todos a súa aplicación propia ou mesmo que desenvolvan unha cabeceira exclusiva para iPad como é o caso de The Daily, propiedade de NewsCorporation.
Os aparellos que Apple lanzou nestes últimos dez anos achegan importantes mudanzas para o xornalismo dixital. En primeiro lugar, traen canda si a primacía dos dispositivos móbiles como principais ferramentas para obter información. Isto condiciona a forma na que debemos elaborar as nosas mensaxes para que poidan ser lidas dun xeito cómodo en móbiles e tabletas. Asemade, a propia experiencia do consumo de información mudou substancialmente. Os novos dispositivos favorecen a utilización de elementos multimedia e a interacción co usuario. Agora podemos tocar, escoitar e ver unha mesma noticia, como profesionais debemos explotar estas posibilidades. E por último, o modelo iTunes é unha aposta clara e exitosa polo pago por contidos. Se cadra non é extrapolábel a un xornal, xa que semella difícil que un lector vaia mercar por separado unhas novas que só vai ler unha vez. Mais a filosofía de que os produtos intanxíbeis teñen que ter un prezo pero que o proceso de compra ten que ser extremadamente sinxelo, é algo que non debemos esquecer para un xornalismo que está en crise.
0 comentários:
Postar um comentário