
1. O electoralista: aquel que aparece na precampaña xunto co seu equipo de comunicación, mantén unha actividade importante durante uns meses e logo non se volve saber nada del. Moitas veces xa deixan entrever o seu pouco compromiso de continuidade ao pór o ano das eleccións no nome da conta. O exemplo recente máis sonado é o de Tomás Gómez, que abandonou o seu perfil de Twitter en canto perdeu as autonómicas. Dáme a min no nariz que os principais candidatos á presidencia no 20-N van entrar nesta categoría moi pronto.
2. O amateur: é aquel político que mantén el mesmo os seus perfís nas redes sociais, pero que tampouco lle dá moita importancia. Non adoitan ter ningún tipo de asesoramento (porque se o teñen terían que repensar o seu papel). Contan con poucos seguidores e actualizan aínda menos. En xeral, este tipo de contas son bastante inútiles. Un bo exemplo de político cunha conta amateur sería Guillerme Vázquez.
3. O que pasa: abre conta, escribe un par de chíos e déixao. Destes hai a fartar a nivel local, pero o mellor exemplo é o de Leire Pajín, que fixo unha conta en Twitter, non publicou nada e sorprendentemente ten máis de 5000 seguidores. Será que os internautas valoran máis os seus silencios que as súas intervencións.
4. O crack: se es unha persoa da rúa e queres chegar a líder de opinión nas redes sociais tes que facer un traballo do copón para darte a coñecer e achegar calidade nos contidos que creas. Pola contra, see es un político que sae unha morea de veces nos medios tradicionais telo moito máis doado. Con actualizar con frecuencia a túa conta e manter un pouco de conversa coa comunidade xa ganas moitos seguidores e convérteste nun crack. Aínda que sexa por comparación cos demais. Nesta categoría habería que meter a Javier Solana, Esperanza Aguirre, Gaspar Llamazares ou Cristina Cifuentes, que teñen contas en Twitter razoabelmente boas.
5. O Alcalde de Jun: categoría unipersoal e que só pode ocupar o rexedor desta pequena localidade de Granada. Deuse a coñecer internacionalmente por querer converter a súa vila na mellor conectada e máis activa na rede de todo o estado. Habería que investigar se o conseguiu ou non, pero o que é comprobábel é que este home está todo o día enganchado ás redes sociais. Se no lugar onde goberna viven 3355 persoas, el ten 29291 seguidores, é dicir, case 9 veces a poboación de Jun. Incríbel.
PD: Se cadra sorpréndevos que non comente nada do recentemente lanzado Twitter de Rajoy, pero e que ten moita tela e merécese unha entrada para el só ;)
0 comentários:
Postar um comentário